O xeito de ver o mundo inflúe na educación?

Benvidos/as á primeira entrada da materia «As linguas estranxeiras no contexto nacional e internacional» na que achegarei os meus comentarios e reflexións sobre o Tema 1. O ensino de linguas no presente modelo educativo, estatal e autonómico. Un tema que xa de entrada da para pensar: que importancia se lle da o ensino de linguas? Foi sempre así?

Mais comezarei polo primeiro aspecto que me chamou a atención: a cosmovisión. Durante a primeira sesión que impartiu Carla fixemos un exercicio a través de Mentimeter, unha ferramenta en liña na que a través dun código tiñamos que responder a «que valores pensabamos que eran necesarios nunha aula por parte do profesorado e/ou alumnado». Aparte de que xa este tipo de actividade gústame (porque fai pensar e mantente atento), o uso desta ferramenta que non coñecía foi o que máis me sorprendeu, xa que crea unha nube de palabras de xeito visual e colaborativo (por tamaño e segundo a frecuencia de repetición dos conceptos). Isto resulta moi interesante, xa que permite facer un mapa mental do que o grupo considera máis importante e achegar novas ideas.

Nesa nube apareceu cosmovisión, creo que foi a compañeira Rita a que o achegou. Así que o primeiro que fixen foi buscalo na RAG, aínda que máis tarde lembrei que xa o coñecía porque na propia RAG, como termos máis buscados, aparecera recollida na súa versión alemá. Como son moi curioso e gústame saber de onde veñen as cousas, procurei esta vez no Portal das palabras. Aquí se indica que o termo foi creado polo filósofo Wilhelm Dilthey e está formado por Welt (mundo) e Anschauung (visión), polo tanto na súa forma galega e castelá adaptouse como «cosmovisión». 

Para profundizar neste concepto creo que antes sería interesante responder a estas preguntas: cal son as túas crenzas? os teus valores? que fas? que é bo? que é verdadeiro? que é real? Algunhas poden ser preguntas demasiado filosóficas, pero poden ser un bo punto de partida para profundizar no concepto de «cosmovisión».

Podemos dicir, chegados a este punto, que é un xeito de ver e interpretar o mundo, pero como afectaría isto no eido da educación? Penso que totalmente, para comezar porque somos seres sociais e a educación que recibimos ao longo da nosa vida fainos desenvolver habilidades e aprendizaxe, que se non temos limitan o noso mundo e, polo tanto, a nosa cosmovisión. Como exemplo, podemos pensar como a experiencia de vivir no estranxeiro a través dun programa de intercambio e coñecermos outras novas realidades e culturas, das que consciente ou inconscientemente tiñamos prexuízos, permítenos ampliar a nosa cosmovisión. Isto tamén podería afectar a todos os axentes educativos, porque ademais de ser un concepto persoal e cultural, tamén é aberto, vivo, no que existe unha grande influencia entre alumnado e profesorado e que pode modificarse ao longo da vida educativa. Isto último, permitiríanos enlazar a cosmovisión co enfoque da aprendizaxe ao longo da vida, proposto pola UNESCO.

  

 
 
Na seguinte sesión, no final do tema debatemos unha serie de preguntas sobre os aspectos lexislativos. A primeira pregunta desta dinámica «Cando cres que se usaba con máis frecuencia o ensino de linguas» enlazaba con ¿é importante o uso da literatura na aula? A súa vez, nese apartado está o segundo aspecto que quero tratar, no vídeo de «A utilidade do inútil nas nosas vidas», do escritor e filósofo italiano Nuccio Ordine. Entón, canto de útil ou inútil é a educación e a aprendizaxe de linguas? Todos e todas estaremos de acordo que a educación en xeral é útil para as nosas vidas, pero que parte desa educación ou materia considérase útil? Poderiamos falar que para algúns sectores da sociedade xa as propias «letras» non son productivas nin útiles para a sociedade.
 
Antes de máis, dicir que xa coñecía o autor porque lera parte dos seus «Clásicos para la vida. Una pequeña biblioteca ideal». O que sobre todo lembro deste libro e que ademais da súa defensa dos clásicos fai unha crítica ao modelo educativo, xa que non permite formar a cidadáns libres e con espíritu crítico. Por unha banda, no propio vídeo o autor tamén fai fincapé nos valores da sociedade actual (o tempo e o diñeiro propios da sociedade mercantilista), na que di que a escola e a universidade debería estar protexida. O certo é que non é así, por poñer un exemplo próximo, nas materias comúns do mestrado damos en tres semanas contidos que se imparten en pedagoxía ou en maxisterio durante varios anos, co cal é máis difícil asimilar toda esa cantidade de información. 
  
Por outra banda, como di o autor, a aprendizaxe debería realizarse con lentitude e para comprender lentamente. Presenta a cultura e a educación como conceptos relacionados coa humanidade, tanto as relacións humanas como a educación precisan tempo, pero o sistema educativo non está estruturado dese xeito. Coa aprendizaxe de linguas debería ser igual, aínda lembro (traumatizado) un curso intensivo de turco que fixen cando estiven de intercambio, aí comprobei por min mesmo que cantidade de información, horas de docencia e contidos non son proporcionais á calidade na propia aprendizaxe (curso, dito todo isto, que deixei ás dúas semanas). Máis tarde fixen un curso en liña do Yunus Emre Enstitüsü (o equivalente ao noso Cervantes) e aquí apercibín dúas cousas: que o formato en liña non ten por que estar en detrimento da calidade e que dar clases dun xeito máis alternado permitíame asimilar mellor os contidos.
 
Por último, esa utilidade do inútil que proclama o autor podería levarnos a que se nos diferenciase dos demais mesmo para conseguir un traballo ou, doutro xeito, para achegarnos a unha educación que non teña directamente un resultado económico. Polo tanto, que é útil ou inútil? Seguro que a resposta que deamos variará segundo a nosa propia cosmovisión.
 
 

 

4 comentarios:

  1. Ola, Joaquín. Gustoume a túa reflexión sobre a cosmovisión. Ademais, paréceme moi pertinente neste contexto xa que a aprendizaxe dunha lingua estranxeira está relacionada. Cando aprendemos unha lingua non só adquirimos coñecementos lingüísticos; tamén culturais. Se somos capaces de ver a realidade dende a perspectiva doutra cultura, teremos unha cosmovisión máis rica (non sei se ten sentido), polo que así enriquecerémonos moito.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas polo teu comentario, Alejandro! Concordo totalmente co último que dis. Un saúdo!

    ResponderEliminar
  3. Ola, Joaquín!
    Gustoume moito como resumiches e reflexionaches o que comentamos nunha sesión de clase, pero, sobre todo, como concluíches esta entrada tras chegar de novo a unha conclusión mencionada ao principio: a cosmovisión.
    Este termo vai ligado directamente ao ensino de linguas estranxeiras; e nós, como docentes, debemos transmitir ao alumnado que é posible interpretar o mundo a través das linguas.
    Moi boa entrada, Joaquín :)

    ResponderEliminar
  4. Moitas grazas polo teu comentario, Tais :)

    ResponderEliminar

Tema 11. A avaliación na aula de linguas estranxeiras

Boa tarde, compañeiras/os! Neste último tema, impartido por Cristina Rodríguez, tratamos a avaliación na aula de linguas estranxeiras . Na p...