Como certificar o nivel de español e facerse examinador DELE

Benvidos/as de novo a esta bitácora que fai referencia ao Tema 4: O ensino-aprendizaxe e certificación de linguas estranxeiras polas institucións internacionais. 

Nesta última entrada falarei de cales son as certificacións de español e como facerse examinador dos diplomas DELE, para iso contareivos como é o proceso, xa que eu mesmo fixen o curso de examinador.

Que é o DELE?

Para comezar, os diplomas de español DELE son títulos oficiais acreditativos do grao de competencia e dominio do idioma español que concede o Instituto Cervantes en nome do Ministerio de Educación e Formación Profesional. A persoa que queira acreditar o seu coñecemento do idioma será a que decida a que nivel do MCER desexa presentarse (os nosos máis que coñecidos niveis do A1 ao C2). Cada exame constará de 4 probas, no que a cualificación final será de APTO ou NON APTO: comprensión de lectura, comprensión auditiva, expresión e interacción escritas e, por último, expresión e interacción orais.

Tipos de certificacións de español

Antes de entrar en materia, parecíame interesante explicarvos que, ademais dos DELE, existen os DELE para escolares. Nestes últimos os temas e as situacións das tarefas que se propoñan no exame están adaptados aos seus coñecementos e intereses e, polo tanto, son máis adecuados para a súa idade. Por este motivo, para ser examinador/a de DELE para escolares, hai que facer unha formación específica xa que non valería o curso de examinador de DELE. Estes exames están orientados a estudantes de entre 11 e 17 anos e comprenden os niveis do MCER do A1 ao B2. 

Así mesmo, o DELE non é a única maneira de certificar a acreditación do coñecemento do español, senón que tamén está o SIELE (Servicio Internacional de Evaluación de la Lengua Española). O SIELE, a diferenza do DELE, certifica o coñecemento de español sobre unha escala de puntos equivalentes aos niveis A1-C1 do MERC. É dicir, neste caso só ten até C1 e a persoa candidata non ten que elixir un nivel determinado que acreditar. Outra das principais diferencias é que o DELE ten vixencia indefinida, porén o SIELE unha duración de 5 anos. Deíxovos por aquí un pdf con todas as diferenzas, por se queredes ampliar información. Pola contra, as probas son exactamente as mesmas que as do DELE e tamén goza de recoñecemento internacional


Examinador/a DELE

No eido da formación en ELE hai moitos cursos, tantos que ás veces non sabes moi ben por onde tirar. A miña experiencia persoal para facer o curso de examinador pasou previamente por un curso de Iniciación na ensinanza de ELE, impartido no Centro de Linguas da Universidade de Vigo en colaboración co Instituto Cervantes. Gustoume tanto que logo decidín acreditarme como examinador de DELE

O primeiro que debedes saber é que os cursos de examinador van tamén por niveis (A1-A2, B1-B2, C1-C2 e A1-A2/B1 para escolares) e, o segundo, que podedes facer o curso en modalidade presencial ou a distancia. Eu acrediteime a distancia dos niveis A1-A2 no Instituto Cervantes de Praga, pero... por que me decidín por Praga? Pois basicamente polo prezo e os horarios, xa que varían moito dependendo do país. Na propia páxina do DELE podedes consultar os cursos que están abertos na actualidade.

Como o proceso do curso é un pouco complexo vou tentar resumilo e, ao mesmo tempo, farei referencia ás probas do exame para obter o DELE:

a) Estrutura e análise

En primeiro lugar, na propia páxina do Cervantes hai uns modelos de exame, segundo niveis, no que a persoa candidata pode acceder e verificar o tipo de probas e tarefas, a súa duración e puntuación. Asemade, cada proba ten unha serie de especificacións (capacidade que se avalía, tarefa que realizará e características dos textos) para facilitar o desenvolvemento da proba. Podedes consultar todos estes datos aquí.

Pola banda do examinador, hai que ler as especificacións dun modelo de A1 (posteriormente fas o mesmo co A2), no que te familiarizas cos niveis e os descritores e practicas con 4 actividades de análises de probas con mostras reais.

b) Desenvolvemento

Non vos vou aburrir coas múltiples follas de cualificación, respostas e materiais, pero si me gustaría comentarvos que a persoa candidata recibe instrucións e material para preparar previamente a proba oral noutra sala, antes de realizar esa parte do exame.

Esta proba consiste en dúas tarefas de expresión oral e unha de interacción: unha presentación persoal (1 ou 2 min) e a exposición dun tema (2 ou 3 min), o importante é que en ambas as dúas a persoa candidata fale de todos os aspectos que se lle pidan na lámina de preparación. A tarefa de interacción oral dura un pocuo máis (3 ou 4 min).

c) Cualificación

O que máis me sorprendeu do exame DELE é que, mentres se realiza o exame, ademais da persoa entrevistadora hai tamén un cualificador, polo que á hora das cualificacións deben consultar a súa folla de cualificación e poñerse de acordo. Isto paréceme que garantiza un resultado máis xusto. 

Para cualificar hai unhas bandas de cualificación que van da banda 0 e 1 (NON APTO) á banda 2 e 3. (APTO). A banda 2 correspondería ao nivel A1 do MERC e as outras estarían por debaixo ou por arriba respectivamente. Estas bandas, á súa vez, están baseadas na escala uso da lingua do A1 que avalía a eficacia comunicativa, repertorio lingüístico e control de regras gramaticais para comunicarse (pronunciación intelixible, coherencia e cohesión no discurso, etc.) e nunha escala de cumprimento da tarefa.

Para finalizar, a propia realización do curso pareceume moi interesante realizar talleres ilustrativos de mostras estandarizadas das distintas bandas, xa que permite ser máis consciente do que se pide nelas. Posteriormente, con outras compañeiras e mediante a ferramenta do foro, tiñamos que facer nós unha avaliación de mostras e conseguir unha unificación de criterios, como no propio exame entre a persoa entrevistadora e a observadora-cualificadora. Con esta actividade practicamos dun xeito máis real o desenvolvemento e cualificación do exame.

Por último, deíxovos un vídeo do Instituto Cervantes no que se desenvolve a proba oral dun nivel A2 do MERC.

Até aquí a entrada, espero que vos resultase interesante!


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Tema 11. A avaliación na aula de linguas estranxeiras

Boa tarde, compañeiras/os! Neste último tema, impartido por Cristina Rodríguez, tratamos a avaliación na aula de linguas estranxeiras . Na p...