Boa tarde, compañeiras/os!
Neste último tema, impartido por Cristina Rodríguez, tratamos a avaliación na aula de linguas estranxeiras.
Na primeira sesión, enlazamos coa actividade anterior, se deberíamos empregar correccións ou do feedback. No caso de empregarmos o feedback debe facerse todos os días e obterse mediante medidas múltiples, con moita información, para que sexa o máis fiable posible.
En referencia a este concepto móstrovos un vídeo da BBC Learning English sobre como o alumnado pode «autoaprender» do feedback, que me pareceu moi interesante. Doutra parte, hai tamén «detractores» a través da «falacia do feedback», no que existen investigacións que o relacionan co «efecto cualificador idiosincrático»: cualificar a outra persoa, ademais de subxectivo, é posible que reflicta as debilidades e fortalezas persoais sobre o atributo que está a avaliar. Unha das partes que me resultou máis «visual» deste artigo é cando pon o exemplo de que cando se fai feedback, pénsase que se ve a outra persoa a través dun vidro, pero que realmente é coma se estivese dentro de un espello, vendo unha parte de si mesmos. Como conclusión indican que non funciona, xa que non é posible aplicalo correctamente. Pola miña banda, considero que sempre é importante un bo feedback, é dicir, dun xeito construtivo e que indique claramente no que erraches e no que podes mellorar. É máis, considero que é algo a que non se lle dedica demasiado tempo no sistema educativo español, non sei se por falta de tempo ou porque é algo cultural.
Continuamos a sesión falando da avaliación formativa e os instrumentos que podemos empregar. Nesta parte centrámonos nas rúbricas. O interesante das rúbricas é que son descritivas, non avaliativas, e polo tanto non se emite un xuízo e axudan a ensinar, coordinar e aprender. A continuación, falamos dos criterios que ten que ter unha rúbrica (outra vez «tiran» da obxectividade: claros, observables, adecuados). Unha das cousas que me pareceron máis importantes é os erros que se cometen na súa construción, como poden ser confundir a tarefa co obxectivo de aprendizaxe, ou confundila con baremos de cantidade.
Deseguido, pasamos á creación da nosa rúbrica baseada na nosa actividade anterior: esta actividade foi moi interesante e necesaria, xa que ademais de aplicar a teoría, acho que foi moi útil. Eu até ese momento non tiña nin idea de como crear unha rúbrica, para min só era un «cadriño» onde había unha escala cunha serie de características que se debían cumprir, agora vexo que é moito máis. Por exemplo, unha das cousas que aprendín é que os criterios deben servir para que todo o mundo entenda a rúbrica e non desenvolver só uns criterios lingüísticos, ese foi un erro que nós cometemos durante o deseño da mesma.
Durante a segunda sesión, vimos os tipos de avaliación e a súa finalidade e reflexionamos sobre o papel da avaliación na docencia, na que recolleremos datos para tomar decisións. En primeiro lugar fixemos unha actividade de posta en común para ver que tipo de decisión podemos tomar (a nivel colectivo ou individual), logo desenvolvimos de xeito teórico os tipos de avaliación (inicial, formativa ou sumativa). Se decidimos facer avaliación inicial (ou diagnóstica) poderemos observar desde onde se parte, tomar medidas e, polo tanto, familiarizar ao alumnado e concretar obxectivos. Unha das cousas que consolidei da avaliación formativa (e en xeral das avaliacións) é que non serve só para nós como docentes, senón tamén para o alumnado (o que a fai aínda máis importante). O que penso que é máis importante desta avaliación é que estea centrada no alumnado, que lle dea voz e, á súa vez, recolla evidencias do seu traballo.
A continuación, fixemos unha actividade para pór en común as vantaxes e desvantaxes de distintas formas de dar conta dos resultados. De feito, pareceume moi significativo o experimento de Ruth Butler, no que o alumnado ao que se lle daban comentarios positivos acadaba unha mellora nos seus resultados. En especial, paréceme que a avaliación formativa permítenos reflexionar como se están a facer as cousas no sistema educativo, posto que por moito que queiramos hai unha gran tendencia á só darlle importancia á avaliación numérica. Persoalmente, penso que as notas non son o máis relevante, debería selo a aprendizaxe, pero vexo que o sistema está montado para que sexa así, isto podémelo observar nos requisitos para obter unha bolsa ou mesmo para entrar neste mestrado. Quizais deberiamos coller o exemplo doutros países, p. ex. cando vivín en Escocia deume a impresión de que o sistema educativo era moito máis práctico, cunha avaliación máis formativa, no que non se lle daba tanta importancia ás notas, senón ao proceso de aprendizaxe.
Seguidamente, fixemos unha actividade para reflexionar que frases criamos que podían ser V/F antes de visionar un vídeo sobre feedback, despois tratamos as estratexias para incorporar a avaliación formativa na aula e, por último, os instrumentos de avaliación. Parécenme importantes os distintos instrumentos de avaliación, malia que penso que a autoavaliación e coavaliación dependen do grao de madurez do alumnado. Así, o vídeo do «mundo ideal» que vimos na aula quizais só funciona para contextos moi determinados e penso que para esas idades é máis difícil de levar á práctica. A actividade final consistiu na elaboración dun proceso de avaliación formativa e feedback para a rúbrica creada anteriormente.
En síntese, considero que este tema, ao igual que ao anterior, foron fundamentais para a miña formación. O que máis valorei foi a súa aplicación práctica e que me permitiron reflexionar e, polo tanto, aprender. Da banda da avaliación sei que vai ser unha das cousas que me custará pór máis en práctica porque, ademais, considero que ten un compoñente subxectivo, polo cal penso que o uso destas ferramentas de avaliación axudaranme.
Ola, Joaquín:
ResponderEliminarGustoume moito a túa entrada porque aportas moita información adicional interesante. Con respecto aos detractores do feedback, paréceme moi interesante que exista esa postura. Porén, creo que eles refírense a un problema máis concreto, o feedback que é moi subxectivo. Isto podería ter relación co efecto pigmalión, é dicir, que as expectativas do profesor dun alumno poden influír no rendemento do mesmo e na súa autoconcepción.
Polo tanto, creo que é moi importante manter un feedback totalmente obxectivo e que dea sempre lugar á reflexión. Por iso eu evitaría os números e, evidentemente, calquera valoración persoal.
Ola, Joaquín! Gustoume moito a túa entrada, a verdade é que me fixo reflexionar un pouco sobre a ausencia de bo feedback no noso sistema de educación que comentabas. Eu, persoalmente, cando penso nos meus anos de instituto só me lembro dun único sistema de avaliación e corrección: os exames e as notas numéricas. Pode ser que algunha vez recibira feedback por parte dalgún/dalgunha profesor/a nalgún traballo ou presentación, pero se foi así non creo que fora especialmente bo porque son incapaz de recordalo. Coincido contigo en que o feedback é moi importante e pode cambiar por completo o proceso de aprendizaxe do noso alumnado; cando coñecemos os erros que cometemos e aprendemos a corrixilos como é debido, aumentan as posibilidades de que non os volvamos cometer. Iso é algo que nos exames non se aplica con frecuencia (case todos os que eu facía tiñan unicamente unha nota numérica ó lado de cada exercicio) pero que si podemos atopar noutros métodos como a rúbrica. Veremos se pouco a pouco imos mellorando e conseguimos que o alumnado reciba o feedback que merece! Un saúdo!
ResponderEliminarOla, Joaquín! Gustoume moito a túa entrada, considero que está moi ben redactada e explicada.
ResponderEliminarA min pasoume algo similar coas rúbricas, eu si que oíra falar de las, mais tampouco tiña nin idea de como facer unha e descoñecía que era o que se precisaba cumprir. Chamoume moito a atención o feito de que as rúbricas non emiten ningún xuízo, o que fan é axudar a aprender e ver en que se pode mellorar. Considero que facer unha rúbrica é un traballo laborioso, pois todo ten que estar ben detallado e explicado. Porén, é un instrumento moi útil para avaliar ao alumnado e penso empregalo nas miñas aulas.
En canto ao que mencionaches sobre o feedback, penso que é moi importante ter una boa comunicación co alumnado, explicarlles ben as rúbricas para que saiban o que se lles pide e tamén despois fornecerlles uns breves comentarios que os axuden a ver en que poden mellorar, pois como vimos no experimento de Ruth Butler, os comentarios son a mellor forma de que o alumnado mellore os seus resultados.
Grazas pola túa entrada
Saudiña!
Boas, Joaquín!
ResponderEliminarDespois de ler o comentario que me deixaches na miña entrada sobre este tema, decidín botarlle un ollo á túa para ampliar o meu punto de vista e ver de que vai iso da «falacia do feedback».
A verdade é que, como eu teño unha percepción bastante positiva do feedback, non me parara a pensar en que podería resultar en algo negativo para certas persoas. Tamén é certo que eu me refiro, sobre todo, a un tipo de feedback obxectivo e construtivo. É evidente que se o feedback que lle proporcionamos ó alumnado non achega nada útil e se basa nas nosas opinións persoais e totalmente subxectivas, non vai producir ningún tipo de avance no seu proceso de aprendizaxe, ó contrario, seguramente os acabe frustrando e desmotivando. Por iso é tan importante facer un exercicio de empatía á hora de redactar os comentarios sobre o traballo do noso alumnado e destacar tanto os puntos positivos como os negativos de maneira respectuosa e obxectiva. Podemos facer suxestións, mais debemos fuxir das imposicións.
En definitiva, gustoume moito ler a túa entrada e darlle unha volta a este tema porque, como ben mencionas, é de vital importancia para conseguir mellorar o proceso de ensino-aprendizaxe e debemos dedicarlle o tempo que merece.
Saudiña!