Amosando publicacións coa etiqueta diario. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta diario. Amosar todas as publicacións

Tema 6. O deseño curricular base para as linguas estranxeiras

Ola de novo!

Nesta entrada preséntovos o tema 6 «As programacións didácticas vixentes» que foi impartida por Gonzalo durante a sesión do 12 de decembro. O contido principal deste tema é o funcionamento do proceso de oposicións como profesorado de linguas estranxeiras: elaboración de programacións e unidades didácticas, rúbrica de avaliación e os aspectos principais de dita programación didáctica. 

DIARIO

O primeiro que fixemos foi a actividade de Think, write, pair & share, que desenvolverei máis polo miúdo no dosier, pero como primeira conclusión saquei que non tiña moito idea do proceso e que as competencias están cedidas ás CC. AA.

A continuación, Gonzalo explicounos que neste tema iamos traballar as unidades didácticas de xeito e a programación dun xeito resumido. Os documentos e normativas podemos atopalos na seguinte ligazón, o que creo que foi unha boa maneira de presentar a continuación da materia, xa que neste tipo de trámites ás veces un non sabe exactamente onde atopar esta información.

O primeiro de todo é que é un proceso de concurso-oposición, é dicir, valóranse os méritos e tamén unha serie de probas. Neste caso haberá dúas probas que se dividen á súa vez en dúas partes e no que o tribunal estará composto por 5 membros (ou un mínimo de 3 membros): na primeira proba valórase o coñecemento da materia, porén, na segunda, demóstrase a actitude pedagóxica e o dominio das técnicas de docencia. Non vou especificar en que consiste cada parte, porque xa o vimos polo miúdo nos apuntamentos, pero si me gustaría comentar dúas cousas que me chamaron a atención:

  • En primeiro lugar, que os temas son extraídos ao chou polo tribunal (co cal se non tes tempo de preparalo ou queres arriscar sempre terás a posibilidade de tentalo).
  • En segundo lugar, que o temario é o mesmo que o de 1993 (a verdade é que pensei que escoitara mal), pero cando volvín consultalo despois atopei nesta páxina que fora derogado en 2011 para ser de novo derogado en 2012 e volver ao de 1993 (motivos políticos para variar?).

Despois deste día, extraese a proba que estaba dentro dun sobre lacrado e procédese á lectura conxunta da primeira e segunda parte da primeira proba. Da explicación desta parte tamén tirei a ensinanza de que ainda que non saibas o suficiente, sempre sabes máis do que pensas e o importante é puntuar e non deixalo en branco. Respecto da segunda proba, penso que é o que máis ansiedade me daría sería a chamada «encerrona» e organizar esa hora para a exposición da unidade didáctica. Outra ensinanza que saquei aquí é que podes levar materiais, mais non facer que interactúe o tribunal.

Ademais do propio proceso, tamén vimos a duración das probas, o baremo dos méritos e as cualificacións, nas que para pasar á fase de concurso hai que sacar, polo menos, un 5 e nas que, obviamente, o número de aspirantes pode ser maior que o das prazas.

 

 
Imaxe de freepik

DOSIER

Como xa dixen no comezo da entrada, a primeira actividade que fixemos foi o Think, write, pair & share na que, a diferenza do tema anterior, engadimos a parte de escribir. Nesta actividade formulamos o que nos gustaría preguntar e as dúbidas que temos no proceso de oposicións a secundaria. Como expliquei na anterior entrada é unha actividade colaborativa, que me parece interesante para formular dúbidas que ao mellor a min nunca se me ocorrerían. Por exemplo, respecto a como funcionan as listaxes de substitución ou que as titulacións oficiais de idiomas (idiomas estranxeiros e galego na EOI) puntúan por unha banda, e por outra, os certificados de calquera organismo certificador (Cambridge, Camões etc.) tamén puntúan en méritos.

Posteriormente, Gonzalo explicounos como desenvolver a tarefa 2 para a elaboración dunha programación LOMLOE con formato oposicións para linguas estranxeiras, neste caso para alumnado de 1.º ESO, baseado no Decreto 156/2022. Na última parte da clase, compartiu un documento colaborativo en Drive para que cada minigrupo acheguemos a nosa parte e nos sirva xunto ao modelo para preparar unha unidade didáctica; isto paréceme boa idea porque así nos axudamos e aprendemos entre todos os grupos. No caso do noso minigrupo tocounos «os obxectivos e a súa contribución ao desenvolvemento das competencias». Unha vez que os minigrupos compartiron o contido que lles correspondía de cada programación, presentamos unha unidade didáctica individual baseada na nosa lingua estranxeira. Para facela o que máis me custou foi sobre todo deseñar as propias actividades para despois aplicar o bloque, criterios de avaliación, as competencias e, especialmente, o que me levou máis tempo foi pensar en como asociar os contidos correspondentes e que tivera lóxica o peso de cada unha delas.

Como conclusión, pareceume moi útil este tema xa que é unha cuestión fundamental e significativa no caso de que nos queiramos dedicar ao ensino público. Persoalmente non o teño claro, pero penso que non hai que deixar de lado esa oportunidade e saber como se desenvolve o proceso paréceme vital e necesario. Por unha banda, resultoume especialmente importante a cuestión do baremo dos méritos, xa que no comezo sería a maneira de conseguir máis puntos se, como no noso caso, non temos experiencia. Por exemplo, saber que un curso homologado conta por «x» motivo fai que, como mínimo, non perdas tempo nin diñeiro. Por outra banda, non sabía tampouco cousas tan básicas como que o proceso de oposicións de secundaria non era o mesmo que os da EOI. En resumo, cantos máis coñecementos teñamos de como funciona o proceso das oposicións e o que nos piden, o desenvolveremos dunha forma máis adecuada; supoño tamén que o mellor será preparalo cun preparador/a ou nunha academia, pero de ser así iso xa se verá nun futuro máis ou menos próximo.

Tema 5. O deseño curricular base para as linguas estranxeiras (diario e dosier)

Ola a todos e todas!

Nesta entrada preséntovos o tema 5 da materia «As linguas estranxeiras no contexto español e internacional» e, concretamente, o deseño curricular para linguas estranxeiras, que foi impartida por Gonzalo durante tres sesións.


Para comezar, fixemos un repaso do currículo e das competencias da LOMLOE, contido que xa trataramos na materia de «Deseño curricular e organización de centros educativos», mais cun enfoque diferente como xa vos explicarei ao longo da entrada.


O primeiro que vimos nesta materia foron os tipos de avaliación que existen: a avaliación respecto dos «axentes» serviume, por exemplo, para refrescar conceptos como «coavaliación» e «autoavaliación» que, ademais, puxemos logo en práctica. O primeiro día tamén empregamos unha ferramenta dixital, Wooclap, que me pareceu interesante porqué é colaborativa e visual. 


A continuación, repasamos a definición e os elementos do currículo e as institucións coas concrecións curriculares sobre as que teñen competencias. Por unha banda, como actividade introdutoria, empregamos o «debate piramidal» para responder que é o currículo, os seus elementos e competencias básicas. Nunca oíra falar deste tipo de debate no que a técnica consiste en debates por parellas até aumentar o número de participantes e, ao mesmo tempo, atopar as respostas máis concretas e axeitadas. Con esta primeira actividade somos nós o que levamos o peso da actividade e poñemos en práctica o traballo en equipo, a diferenza dunha clase maxistral tradicional. Deste xeito tamén se produce máis motivación e unha sinerxía de aprendizaxe colaborativa, na que desenvolves o teu propio criterio e, ademais, incorporas enfoques doutras compañeiras. Por outra banda, tamén empregamos un exercicio de emparellar que me pareceu un modo máis visual e interactivo de repasar. Persoalmente, este tipo de exercicios axúdanme a ver mellor un tema que por si só me parece áspero e, ao mesmo tempo, facémolo dun xeito máis autónomo. Asemade, descoñecía que hai outros autores que indican que son todos os chanzos onde se toman decisións sobre o currículo. Outra cousa que me resultou curiosa é que, para a Unión Europea, tanto a CCL coma a STEM son as competencias máis relevantes. Isto levoume a procurar máis información sobre o tema, como os proxectos STEM en Europa ou preguntarme sobre a fenda das mulleres en STEM.

 

Nesta aula tamén comezamos a preparar as presentacións das linguas estranxeiras nos currículos da ESO, Bacharelato e FP e que nos ocupou a totalidade da seguinte. Para realizar esta primeira tarefa o meu minigrupo tivo que desenvolver as linguas estranxeiras no currículo da ESO, aspectos que ían, por exemplo, desde obxectivos até atención á diversidade, entre outros, e para o que tivemos que consultar o Decreto do currículo ESO da LOMLOE. 

 

 

 

 

Este foi un traballo autónomo, no que Gonzalo só nos deixaba comentarios nun Google Doc colaborativo, é dicir, tamén foi un xeito diferente de aprendelo, xa que eramos nós os que verdadeiramente traballabamos a materia. Primeiro seleccionamos o contido, pero o máis dificultoso era sintetizar a información máis importante e incorporala dun xeito máis comprensible. Na 2.ª clase continuamos, así que mentres dous seguiamos a «descifrar» esa linguaxe xurídica e a sintetizabamos, outra compañeira creaba o Powerpoint para a exposición. Unha ensinanza que saquei desta actividade foi que a pesar de traballar sobre presión puidemos organizarnos e levar o traballo a cabo, delegando e chegando a un entendemento mutuo en pouco tempo, o que nos deu máis confianza e aumentou a nosa sensación de equipo. 

 

No comezo da terceira sesión, quedara un grupo pendente de expoñer e nós tiñamos que facer a súa coavaliación: os compañeiros trataron o currículo na FP, algo descoñecido e no que, por exemplo, aprendín que o lugar que ocupen os idiomas nos contidos curriculares radica segundo o que precisen a nivel laboral. Sobre todo, esta actividade serviunos para coñecer os grados de avaliación e pór en práctica a autoavaliación e a coavaliación. Estas avaliacións non son algo que adoitamos facer durante a nosa aprendizaxe formal, co que nos permite unha maior reflexión e autocrítica do noso traballo e a ver un enfoque máis empático e construtivo cara os demais. Por último, esta actividade achegounos unha aprendizaxe cooperativa e por proxectos, no que comprendimos moito mellor o currículo nas distintas etapas e ensinanzas.

 

O resto da sesión destinámola ao currículo na EOI, algo que non tratamos até agora no mestrado: en primeiro lugar, fixemos a actividade de Think, pair & share, que serviu para reflexionar o que nós e o resto dos grupos sabiamos (aprendizaxe colaborativa). Nesta aula aprendín, entre outras cousas que a idade de acceso á EOI pode ser aos 14 anos (se non é a primeira LE na ESO); o portugués é lingua ambiental en Galicia; a nivel europeo, ademais de España, só en República Checa e Eslovaquia hai Escola de idiomas, de aí a importancia do MCER como recoñecemento oficial no resto de países. Despois disto fixemos un Kahoot, con esta ferramenta de gamificación revisamos as competencias das institucións. Pareceume unha boa actividade para afianzar contidos que consideraba que tiña claros, pero que realmente non tanto, xa que me din de conta que moitas veces dubidaba entre Goberno de Estado ou Ministerio de Educación ou mesmo entre Goberno Autónomo ou Goberno de Estado.

 

Na última tarefa, os minigrupos tivemos que elaborar unha presentación de Powerpoint colaborativa no que cada un xestionaba determinados aspectos no currículo. Nesta ocasión tamén tivemos que sintetizar a información a través dos documentos para crear a infografía e a presentación, para o que nos organizamos do mesmo xeito que na tarefa anterior e, esta vez, levounos menos tempo. Esta actividade tamén nos permitiu traballar os nosos contidos, aprender a nivel grupal e do resto de grupos, e ter un documento común que poder consultar.

 


 
 


Como conclusión, aparte de entender mellor o deseño curricular, este tema serviume para empregar distintas ferramentas e enfoques colaborativos que me pareceron interesantes para pór en práctica como docente.

 

E até aquí o tema 5, vémonos na seguinte entrada! 




 


Tema 11. A avaliación na aula de linguas estranxeiras

Boa tarde, compañeiras/os! Neste último tema, impartido por Cristina Rodríguez, tratamos a avaliación na aula de linguas estranxeiras . Na p...