Por aquí estamos cunha nova entrada e, aínda que pareza que o título estea sacado dunha serie de ciencia ficción ou dun libro de «Elixe a túa propia aventura», o certo é que se basea no Tema 2. Marco Común Europeo de Referencia para as linguas (MCER), tamén coñecido polas súas siglas en inglés (CFER).
Até a nosa clase non sabía moito do MCER, para min era pouco máis ca un cadro, que vira por primeira vez na Escola de Idiomas, no que aparecían unha serie de escalas e descritores para adquirir unhas competencias e uns determinados niveis na aprendizaxe dun determinado idioma. Eses niveis, os famosos A1 ou C2, subdividíanse ás veces en dous e ademais servían para facer referencia a indicar en que nivel estabas. Coido que tamén os tiña asociados simplemente á adquisición dun determinado nivel a través de exames: o C1 de Cambridge etc. En resumo, para min servía pouco máis que como unha ferramenta, se cadraba, para consultar as destrezas ou competencias que podía adquirir segundo o nivel.
Agora que analizamos o MCER máis polo miúdo, unha cousa que me chamou a atención é que o principal obxectivo sexa «fomentar un ensino de linguas de calidade e unha Europa de cidadáns plurilingüe de mentalidade aberta», como se recolle no capítulo 2. Aspectos clave del MCER para la enseñanza y el aprendizaje do Centro Virtual Cervantes. Realmente non sei se só quedará en literatura ou política mais, polo menos, semella un bo obxectivo e moito máis que un cadro ou escala.
E enlazando co tema desta entrada, eu sempre pensei que o nivel C2 era o maior nivel que se podía adquirir, que era un nivel difícil de conseguir, un nivel de (case) nativo ou nativo. Mais, alén diso, indícase:
- Na sección 3.2 do MCER de 2001: este «dominio extenso» (Trim) ou «dominio extenso operativo» (Wilkins) podería ampliarse para que incluíra unha competencia intercultural máis desenvolvida que se atopa por riba dese nivel e que conseguen moitos profesionais da lingua.
- Na sección 3.6 do MCER de 2001: o nivel C2 ou «Maestría» non implica unha competencia nativa ou próxima, senón que pretende caracterizar o grao de precisión, propiedade ou facilidade de uso dos aprendentes brillantes.
De feito, o equipo de traballo responsable do MCER só adoptou os seis primeiros niveis de Wilkins, posto que consideraban que o séptimo estaba fóra do ensino xeral (e polo tanto non consideraron que había que contar con el). Por outra banda, o proxecto de investigación da Swiss National Science Foundation (SNSF), que confirmou de xeito empírico os niveis e os descritores ilustrativos do MCER de 2001, corroborou tamén a existencia deste séptimo nivel.
Nesta investigación tamén se chegou á conclusión de que alumnado que estaba a cursar Tradución e Interpretación na Universidade de Lausana atopábase por riba deste nivel C2 e, igualmente, isto adoitaba acontecer cos profesionais da tradución e interpretación que traballan nas institucións europeas. Esta información conéctanos co Proxecto PETRA (do que non tiven constancia durante a miña formación universitaria) que establece un marco de referencia para a tradución literaria e no que, por exemplo, alguén que teña un nivel C2 do MCER, atoparíase no terceiro dos cinco niveis desenvolvidos.
Na introdución deste proxecto sulíñase que cada tradutor/a se adentra na profesión dun xeito diferente: quer ao estudar idiomas ou a carreira, quer noutros contextos (como poderían ser os fillos/as da emigración con capacidade bilingüe). Velaí é onde se desenvolve o obxectivo do Marco de Referencia PETRA-E para a Educación e a Formación de Tradutores Literarios (abreviado como Marco de Referencia PETRA-E). Os profesionais da tradución poderían empregalo para avaliar as competencias e analizar cales deberían perfeccionar, mentres que para os/as formadores/as serviría como ferramenta para mellorar o ensino.
O Marco de Referencia PETRA-E presenta tamén unha serie de competencias (como o MCER) que, neste caso, debería ter un profesional da tradución literaria segundo o nivel (a pesar da complexidade que implica sempre o proceso da tradución). Estes niveis comprenderían: principiante, aprendiz avanzado, profesional incipiente, profesional avanzado e experto. Tamén se coñecen polas súas abreviacións que van do TL1 até o TL5, onde un recén egresado tería o TL1 e o outro extremo (o nivel experto TL5) implicaría a capacidade de ter e pór en práctica, por exemplo, a transmisión de habilidades e coñecemento.
Como conclusión, este marco de referencia, que por outra banda descoñecía, paréceme unha ferramenta útil para darte de conta de todo o que debes saber facer ou coñecer nun determinado nivel e como instrumento de autoavaliación. Considero que ás veces é dificil analizarmos esa información, na que ademais o background de cada profesional pode ser moi diferente. Por último, outro punto que me parece interesante é que está moi conectado coa práctica da profesión, na que vas desenvolvendo competencias porque, como sempre se nos recordou na universidade, é unha profesión eminentemente práctica e na que «a traducir apréndese traducindo».
Referencias:
Cervantes, C. C. V. (s. f.). CVC. Marco común europeo de referencia para las lenguas. Volumen complementario. https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/marco_complementario/
Introduction | Framework Literary Translation. (s. f.). https://petra-educationframework.eu/introduction/
Ola Joaquín! Pareceume moi interesante a túa entrada e o feito de que lle deas ese punto divertido coa comparación cun misterio de ciencia ficción. A verdade é que me sorprendeu que nunca antes ouvise falar dese séptimo nivel, e que sobre todo en ningún momento se mencionase a súa existencia cando estudaba o grao. Por outra banda, entendo por que está tan esquecido e sen desenvolver. No fondo, co MCER o que se pretende é teorizar sobre realidades tanxibles que se poden levar á aula de linguas, e este nivel semella extremadamente específico e limitado só a persoas que se adican á tradución avanzada, mentres que para o uso na vida cotiá e no traballo vese que non é necesario.
ResponderEliminarOla, Marta :) Moitas grazas pola túa achega!
ResponderEliminar