Tema 3. Estratexias de comunicación

Ola de novo! Por aquí andamos, esta vez en referencia ao contido sobre o tema 3. Estratexias de comunicación. A comunicación oral e escrita e o seu tratamento na aula. Procedementos para o fomento das habilidades comunicativas na aprendizaxe de linguas estranxeiras.

Este tema, impartido por Cristina Rodríguez, desenvolveuse durante dúas e sesións e parte doutra e divídese en tres partes: a mediación lingüística, a comprensión, e a produción e interacción (en todos os casos oral e escrita).

Durante a primeira sesión, tratamos as seguintes cuestións: por que mediación? que é? como incluíla nas aulas?

Pola miña banda, coñecín este termo hai uns meses, xa que este ano volvín á EOI despois de anos; nos primeiros días topeime de fronte cunha actividade na que tiñamos que interpretar unha gráfica e da que me explicaron que era un exercicio de mediación. Efectivamente, no Real Decreto 1041/2017 das EOI, no aptdo. 5 aparecen as actividades de mediación e, como nos explicaron en clase, teñen moito peso na avaliación, xa que forma a 5.ª parte do valor da nota total. Por outra parte, tamén aparece recollido nos criterios de avaliación e estándares de aprendizaxe da primeira lingua estranxeira. 

Para comezar a sesión indagamos nas seguintes definicións: mediación, plurilingüismo, enfoque orientado á acción e co-construción do significado. Isto foi un bo punto de partida para facernos pensar e tomar contacto co tema, xa que estes termos están relacionados coa propia mediación e coa interacción, que até o momento tamén se deixaba de lado: o plurilingüismo, pola capacidade de uso de varias linguas pode ser unha das características da persoa «mediadora»; o enfoque orientado á acción pola mellora da nosa capacidade lingüística e, por último, a co-construción do significado, que se produce en toda interacción oral polo intercambio comunicativo. 

Pero entón, que é a mediación? este aspecto está recollido no aptdo. 4.4 do MERC, no que se describen as estratexias e actividades de mediación e na que tamén se mostran exemplos de interacción, como pode ser p. ex. manter unha conversa informal a través do whatsApp coa miña curmá de Alicante. Como tradutor-intérprete que son hai que lembrar que, tal como indica o MERC, estamos constantemente realizando labores de mediación. algo que leva facéndose ao longo da historia, como se pode ler neste artigo. Ao comezo, a mediación só estaba centrada na tradución, pero co volume complementario (2020) introduce un enfoque máis amplo e inclusivo, céntrase no uso social das linguas nun maior n.º de contextos. 

Considero ademais que tanto a interacción como a mediación son moi necesarias para entender a «competencia plurilingüe e pluricultural», que se refire á capacidade de utilizar as linguas con fins de comunicación e de participar na interacción intercultural, cando unha persoa, considerada como axente social, domina, en distinto grao, varias linguas e experiencia de varias culturas» (Consello de Europa, 2002). Ademais serven para desenvolver a conciencia lingüística e cultural.

Doutra parte, poderiamos dicir que a mediación non é unha destreza, senón que forma parte dun dos modos de comunicación, como se poder observar na seguinte imaxe:


Outra cousa que aprendín nesta parte da materia é que agora xa non se considera L1, L2, posto que poden usarse varias linguas á vez (LA, LB, etc.). A continuación vimos como poderiamos incorporala na aula e, por minigrupos, fixemos unha análise de actividade de mediación (obxectivo, tipo de mediación, contexto...) na que á nos tocounos unha mediación oral.

Na segunda sesión tivemos que crear e expoñer unha actividade de mediación lingüística: 


No resto da sesión comezamos coa comprensión oral e escrita, para as que poden realizar actividades extensivas (lectura como pracer ou ver películas en VO) ou intensivas (traballar un léxico específico que nos interese ou algo de actualidade para levar á aula). Igual que na mediación, a comprensión pode ser: captar ideas ou procurar unha información específica, ademais de poder ter un enfoque comunicativo, é dicir, non ten por que ser unha actividade individual.

Por outra banda, a comprensión escrita será moito maior se activamos datos sobre o tema, isto é, se traballamos un texto sobre Irlanda, que saben do país; se hai unha foto, de que pode tratar; ou que indiquen se hai vocabulario descoñecido. As actividades de comprensión escrita tamén poden poñerse en común (por parellas ou grupos), de xeito colaborativo para que expresen o que máis lles custou. Respecto da comprensión oral temos que ter coidado cos vídeos seleccionados (nivel de ruído, claridade, nivel lingüístico etc.), por esta parte coido que sempre será mellor empregar un vídeo de Internet, máis auténtico que un libro de texto. Respecto da actividade, o noso grupo (Blanca, Marta e máis eu) elaborou unha actividade sobre os canons de beleza, co gallo de repasar os adxectivos, engadir novo léxico, traballar a CO e a EO, ademais de aproveitar para realizar unha mediación e un debate. Transversalmente, pretendiamos fomentar o respecto, a diversidade e a toma de consciencia do aspecto cultural relativo á beleza.

Na terceira sesión, vimos a produción e interacción oral e escrita (estas últimas son as que consumen máis tempo). Trátase dun proceso longo, mais pode facerse máis dinámico, p. ex. a través do brainstorming, ou da cocorrección conxunta mediante actividades (cadeas de chat, redación de haikus, ou reseñas). A nosa actividade consistiu nunha reseña escrita, sobre unha curtametraxe dun festival de cine inclusivo. Para introducir o tema seguinte, preguntóusenos o xeito de avaliar ao noso alumnado (emprego ou non de feedback, corrección, bolígrafo vermello, ou notas).

En conclusión, considero que este foi un dos temas máis importantes traballados no mestrado, polo contido e porque se pode aplicar de xeito práctico na aula. Entre outras cousas, tamén reafirmei que se deben ter en conta as necesidades e intereses do alumnado, dun xeito pragmático (non só lingüístico) e cunha fin comunicativa. Como exemplo, pareceume interesante a idea de que o alumnado se puidese gravar para desenvolver mellor a actividade e como docente é unha boa posibilidade para avalialos. Tamén me pareceu relevante a mediación cultural, como cando as compañeiras presentaron as diferenzas entre Samaín e Halloween. Así mesmo, nunca me decatara de que, a diferenza do que se adoita facer, debemos priorizar as actividades de expresión oral sobre as outras (xa que son máis difíciles de adquirir nun contexto diario). A colación disto, as tarefas comunicativas deben ter un claro propósito e ser auténticas. Por último, foi interesante o debate sobre que tipo de feedback dar ao alumnado, chegando á conclusión de que debe ser positivo, activo, directo e que invite á reflexión. 

 

Consejo de Europa (2002). Marco común europeo de referencia para las lenguas: aprendizaje, enseñanza, evaluación. Madrid, España: Ministerio de Educación, Cultura y Deporte; Instituto Cervantes; Anaya. Dispoñible en https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/marco/ 

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. Dispoñible en liña en https://www.dicenlen.eu



3 comentarios:

  1. Olá, compañero de grupo ;)
    A verdade que nesas clases aprendimos moito, e moitas cousas. Coma ti, agora, sei o que é a mediación, como traballala nunha aula e, ante todo, como facer que o alumnado aprenda divirtíndose. A idea de gravarse é moi axeitada, xa que o alumnado, como ti ben dis, pode volver a escoitarse e o profesorado pode avaliar, volvendo a escoitar.
    En canto a EE, é verdade que é a destreza que máis tempo leva traballar nunha aula, porén é tamén a que menos se traballala e paréceme moi importante.
    Parabéns pola túa entrada, Amigo, unha apreta!

    ResponderEliminar
  2. Ola, Joaquín:

    A verdade é que coincido contigo en que este é un dos temas máis interesantes do mestrado grazas á súa aplicación práctica, aínda que si que é certo que tivemos un alto grao de explicacións teóricas previas. Paréceme interesante o que dis sobre o de que descubriras a mediación a través da EOI; no meu caso pasárame algo semellante pero co Centro de Linguas. A verdade é que esta clase de actividades funcionan moi ben sobre todo para practicar mmúltiples destrezas lingüísticas en niveis máis avanzados

    ResponderEliminar
  3. Ola, Joaquín!
    Antes de nada, dicirche que me pareceu moi interesante a túa entrada.
    Chamoume a atención a idea que levaches a cabo xunto con Marta e Branca na tarefa que nos mandou a profesora sobre a creación dunha actividade de comprensión e expresión oral. A verdade, paréceme unha idea fantástica e moi necesaria o feito de elaborar unha actividade sobre a problemática dos canons de beleza. O alumnado aprenderá contidos como gramática e vocabulario na lingua estranxeira á vez que se lle ensinarán outros relacionados cos “non estritamente académicos”.
    Persoalmente, esta actividade chamoume tanto a atención, porque aínda que xa vira plantexados este tipo de exercicios, esta problemática nunca saíra en ningún deles. Explícome. Xa vira este tipo de actividades con problemáticas reais máis comúns, coma por exemplo redes sociais (pola que tiramos nós), cambio climático, costumes dun país… Sen embargo, este tema en concreto creo que é moi importante para o alumnado traballalo (especialmente en adolescentes) e nunca o vira antes aplicado a unha actividade de aula. Definitivamente, gustaríame habelo traballado como alumna e traballareino como docente!
    Grazas pola entrada!

    ResponderEliminar

Tema 11. A avaliación na aula de linguas estranxeiras

Boa tarde, compañeiras/os! Neste último tema, impartido por Cristina Rodríguez, tratamos a avaliación na aula de linguas estranxeiras . Na p...